Fábula de varia xente
Os títulos en cuestión son, por esta orde, Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos e mais Remuíño de prosas. O primeiro figura inserido na colección Fonseca de textos filolóxicos da editorial Follas Novas. O segundo constitúe a vixésima entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro que o centro de investigación compostelán que leva o nome do intelectual de Láncara tirou do prelo en edición de Luís Cochón, Lorena Domínguez Mallo e o amentado Alonso Girgado.
Quen viaxe por estas páxinas saberá do verso enxebre de Daniel Pernas Nieto; a materia artúrica; a paisanaxe galega; a vida, obra e milagres de Cabanillas; a gastronomía de noso; as maxias e ultramundos que connosco son; a delicadeza da camelia; a piratería de Benito Soto; a tráxica resistencia de Pedro Madruga e mesmo a sátira sutil de Swift, a narrativa poderosa de Poe ou a magna sinfonía do verso odiseico de Homero.
Complementariamente a estes escritos en castelán, Remuíño de prosas pon por xunto aqueloutros textos que, xa en galego, foi deitando o mindoniense nas máis diversas —e por veces peregrinas— publicacións, tanto prólogos como autopoéticas para antoloxías, igual prefacios para catálogos pictóricos que conferencias ou discursos académicos, o mesmo soaregos a barallas do Tarot que horóscopos para o ano en curso.
Máis que valiosas, ambas e dúas obras son imprescindibles para referenciar cabalmente o corpus literario integral de Cunqueiro, que leva tempo clamando por unha edición monumental de toda a súa obra —galega e castelá— tanto de ficción coma ensaística. O día no que esa titánica empresa editora cobre vida, Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos e mais Remuíño de prosas serán volumes cabeceiros de consulta obrigada polos que hoxe cómpre, e moito, congratularnos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario