martes, 3 de enero de 2012


Na lúa de Nadal

[Ilustración interior do libro. Noemí López]
Hoxe quero recomendarlles un libro no que se dá razón da historia e tradición de canto rito, costume, celebración ou acto festivo ten lugar nas datas do Nadal: Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, da autoría do narrador e etnógrafo mindoniense AntonioReigosa, a quen debemos unha longa nómina de títulos que se contan entre o melloriño das recuperacións recreadoras do noso acervo literario de tradición oral.
Exquisitamente editado por Edicións Xerais, que o presenta a modo de álbum ilustrado de mediano formato, incorpora magníficos e moi coloristas debuxos de Noemí López, unha das mellores ilustradoras galegas do momento.
Escrito pulcra e expositivamente por Reigosa, mestre da didáctica divulgativa onde os haxa, a limpidez e gracilidade estilísticas das que se serve fano máis que accesible para calquera lector que a el se achegue, sen por iso renunciar a un fraseo moi vizoso no caudal léxico empregado, que sabe do valor da semántica dialectal para crear un discurso poderoso e de admirable policromía verbal.
Cómpre saber que Trece noites, trece lúas é unha moi completa monografía de tema natalicio, onde se responden cuestións tan intrigantes como o porqué da celebración do Nadal xustamente o día 25 de decembro, cando parece que Xesús debeu nacer noutra data; o carácter ecléctico desta conmemoración que se remonta a mitos animistas e bebe de tradicións orientais, exipcias e grecolatinas; os preparativos adventicios da data e o papel de San Nicolao (logo Santa Claus/Papa Noël), Santa Lucía o a orixe dos beléns e as árbores do Nadal; as tradicións propias da Noiteboa (o tizón ou lume novo, as flores de Pascua, o acivro, a Misa do Galo…), Nadal (con reprodución de abundante repertorio de literatura galega de tradición oral sobre a fuxida a Exipto da Sagrada Familia e as lendarias aventuras que esta viviría no seu éxodo), Noitevella (con explicación da nacenza das carreiras de San Silvestre e os prognósticos meteorolóxicos das sortes, resortes, contrasortes e demais, sen esquecer a historia de tradicións como as das doce uvas), Aninovo (coa súa raíz no bifronte Xano, a importancia de San Manuel e acaídas reflexións sobre a variabilidade extrema do comezo do ano dependendo do pobo ou do tempo concreto no que nos situemos) e o día de Reis (coa análise comparativa de figuras equivalentes como as dos enxebres Apalpador, Xan Fiz ou Pandigueiro en comparanza cos importados Reis Magos, Papa Noël ou Santa Claus).
O libro, ben completo e moi ameno, remata cun capítulo dedicado aos “Cantos, xogos e representacións de Nadal”, sucedido por unha “Codia” e unha escolleita bibliografía final para os que desexen profundar nalgún aspecto concreto desta vizosa tradición, que ofrece múltiples derivacións e innúmeras relacións etnográficas.
Como se nos lembra no limiar a este excelente Trece noites, trece lúas, “o tempo do Nadal é sagrado e desde a Noiteboa ata o Día de Reis non hai maxia nin buxedo que teña efecto; xa que logo, todos os meigallos que se intentan nestes días e noites fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio”. Metidos, como andamos, en tales días, ben se ve que nada malo nos pode pasar, pois é tempo de tregua para crises e outras miserias que nos arrodean. Ler as páxinas deste libro axudaranos a recuperar esa maxia antiga e recobrar o espírito ilusionado do renacer cíclico onde, tras as tebras do ano que se vai, abrirase a luz do sol invicto que ha alumar o aninovo.
[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 2-1-2012]

No hay comentarios:

Publicar un comentario