lunes, 31 de octubre de 2011


91 Anos de NÓS






Crónica de Nós
Victor Freixanes
A Voz de Galicia

31/10/2010




O 30 de outubro de 1920 saía en Ourense o primeiro número da revista Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega , un dos grandes fachos de referencia da nosa cultura contemporánea e da nosa modernidade, ambiciosa plataforma intelectual na que participaron os máis esclarecidos persoeiros daquel momento. Hai pouco que o servizo de publicacións da Deputación de Ourense publicou a correspondencia entre Vicente Risco e Antón Lousada Diéguez, anotada por Joaquim Ventura. O lector pode seguirlle a pista ao proceso de xestación de idea: as anotacións de Risco, as súas dúbidas, o proxecto que os animaba, orientado artisticamente por Castelao dende Pontevedra e por Vicente Risco dende a capital das Burgas.


Entre 1920 e 1936, con algún lapsus que levaron a publicación a A Coruña e a Santiago de Compostela, acollida á xenerosidade entusiasta do editor Ánxel Casal, o gran padroeiro laico da edición galega, as páxinas de Nós conformaron unha das fiestras máis luminosas do pensamento galego. O discurso do galeguismo daba un salto cualitativo, esgotado o modelo do Rexurdimento do século XIX, e entraba, como dixen, na modernidade: unha cultura (e unha lingua) para o mundo, sen complexos, capaz de afrontar os grandes desafíos do seu momento, non só a creación literaria: a filosofía, a arqueoloxía, a etnografía, o folclore, as viaxes, as artes plásticas, estudos interdisciplinares, traducións?

Nas páxinas de Nós , nese esforzo por dar o salto cara adiante, publica Ramón Otero Pedrayo en 1926 anacos do Ulysses de James Joyce antes que en ningunha outra lingua peninsular (pouco despois da primeira edición parisina), as versións galegas de De correctione rusticorum de Martiño de Braga, a Ora Marítima de Rufo Festo Avieno, adiantos do Diario da viaxe de Castelao por Europa en 1921



O libro que editou e anotou Joaquim Ventura (a correspondencia entre Risco e Lousada) ten o interese da intrahistoria, a crónica non coñecida das interioridades dun proxecto que, ollado dende a distancia, vemos como marcou o noso patrimonio cultural. E os momentos de desánimo, que non faltaron. Na historia da cultura e a literatura galega hai tres grandes capítulos decisivos: o Rexurdimento do século XIX (Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal), a chamada xeración Nós (porque se expresou e aglutinou arredor da devandita revista) e o rexurdimento lento, sacrificado, que comeza na posguerra e froitifica nos nosos días. Cada un deles son como chanzos na escaleira, placas do edificio común, en construción. Somos o que somos porque antes ca nós foron eles, soñaron un país, creron que era posible, malia todas as adversidades e incomprensións, ás veces mesmo contra a lei da gravidade.


Conmemoramos (e celebramos) estes días 90 anos da revista de Risco, Castelao, López Cuevillas, Lousada Diéguez, Noguerol, Otero Pedrayo, os grandes, que lles estaban a facer sitio aos novos: Carballo Calero, Fernández del Riego, Paz Andrade, Xosé María Álvarez Blázquez, Fermín Bouza Brey, e conmemoramos un proxecto que non estiña. Nas augas deste río viaxamos todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario