lunes, 19 de diciembre de 2011


Cunqueiro, outravolta, encheu Mondoñedo de entusiasmo

Onte, 17 de decembro de 2011, ninguén se lembrou en Mondoñedo (e ben que o celebro) do cabodano da degolación dePardo de Cela, pois onte unha fermosa nube de xustiza campou pola memoria de Álvaro Cunqueiro e, como consecuencia, de todo Mondoñedo e da obra irrepetible deste xenio.
Din algún partes metereolóxicos que onte foi un día frío e chuviñento en Mondoñedo pero os que estivemos alí nin dos decatamos, gozamos dun ceo limpo e azul polas horas do día, as rúas ateigadas de xente e o ceo estrelado pola noite. Onte Mondoñedo foi Fuenteovejuna e da man do Merlín de Álvaro Cunqueiro a cidade exterminou de vez e para sempre un desdén aletargado. Só unha nube, a do destino, escureceu o día cando se nos comunicou o pasamento do pai do benquerido amigo e mellor veciño, Paco Piñeiro.
Fomos convocados alí por Luis Fernández Ansedes, polos integrantes da Asocación Abrindo Camiño e de todas os demais colectivos colaboradores.
Pola mañá na Casa da Xuventude compartimos mesa para falar da obra de Cunqueiro, Paco PiñeiroArmando Requeixo, Fran Bouso, moderador, e mais un servidor.
O texto de Paco Piñeiro, na voz da súa dona Mª Paz, por forza breve, deixou no aire o descoñecemento que temos do teatro cunqueirián pero como Paco anuncia unha investigación aberta que promete destapar un autor sensible aos tempos e aos tráxicos momentos que lle tocou vivir, quedamos expectantes.Armando Requeixo, transmitiunos a emoción que sinte pola obra poética de Cunqueiro e a confrontación creadora do Cunqueiro poeta de preguerra, e o Cunqueiro desarmado de musas despois de 1939.
A min tocábame falar do Cunqueiro fabulador, e levaba canda a min a Perrón de Braña, a Borrallo de Lagoa, a Lamas Vello, ao Coxo de Entrebo e aínda ao Licho de Vilamor para que me auxiliasen para dicir que en todos eles está reflectida a paixón de Cunqueiro polas palabras, por contar, por inventar para consolar a imaxinación… e todos cadramos de acordo en que non debemos encerallarnos en discutir se a obra de Cunqueiro se encadra no realismo máxico, no marabilloso ou no irrealismo: Cunqueiro é Cunqueiro, e o nome de Mondoñedo sempre irá na súa compaña, polo menos mil primaveras máis.
Rematamos a mañá homenaxeando a Monalo Montero, un Merlín vivo e mago de verdade, e a todos os colaboradores e instituciósn, e fomos xantar sen sospeitar o que nos agardaba entre a noitiña e a madrugada.
Alí foi a Compaña e os trasnos, os druídas e os menciñeiros, as hostes e un bispo, e o gobernador que deu recibimento a tan boa xente.
Logo, no Auditorio Municipal, a tarde chegou preñada de charamenas encantadas cando comezou un espectáculo teatral e musical extraordinario. A disculpa era o Merlín e familia de Cunqueiro, boa desculpa mais o extraordinario non foi isto senón a enorme ilusión compartida por centos de persoas que foron quen de erguer nun escenario un emotivo canto á imaxinación.
Estou seguro de que este puido ser un dos grandes soños de Cunqueiro, celebrar a imaxinación coma se fose ciencia respectable. As máis de seiscentas persoas que asistiron ao espectáculo agasallaron con longuísimos aplausos o galano que nos ofreceron.
Non é posible dar aquí todos os nomes, desde nenos e nenas a adultos, músicos, iluminadores… que fixeron posible a maxia, case todos actores e actrices accidentais, pero a todas e todos, grazas. Sabemos que hai detrás un traballo inmenso de atrezo e que tamén é de xustiza resaltar os nomes de Isidoro Rodríguez, de Paco Piñeiro, de Xan Carballal e, sobre todo, de Elías Noël Fernández Ferreira.
Que non morra o entusiasmo, que non se apague este lume novo prendido polas mindonienses convocados pola obra de Cunqueiro.
Só queda, e sabemos que é posible, vestir de futuro esta ilusión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario