domingo, 17 de julio de 2011

Identidades sexuais medievais

Hai mentiras que, a forza de repetilas, acaban por facer desaparecer a verdade que negan. Entre elas esa de que as relacións homoeróticas foron de sempre na nosa sociedade espazos sexoafectivos marxinais, ancorados nun mundo paralelo oculto do que a maioría nin participaba nin apenas sabía.
Afortunadamente o espírito crítico e a relectura lúcida da decote tendenciosamente manipulada historiografía “oficialista” aínda aboian no labor revisionista dalgúns, que saben que Platón é amigo, pero que teñen claro que máis amiga é a Verdade, o que, non me queda outra que dicilo, nestes eidos nosos é cada vez máis infrecuente.
Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, o ensaio co que recentemente o filólogo e profesor Carlos Callón obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, é un exemplo de como tras do aparente existe unha outra realidade moito máis complexa e, por descontado, moito máis rica por plural.
A problemática homofobia coetánea afinca as súas raíces nun discurso secularmente inducido polos poderes político-relixiosos que estigmatizaron a homosexualidade —e, xaora, calquera outra libre opción sexual que non coincidise coa heterosexualidade matrimonial católica, apostólica e romana— como unha perversión que, na súa esencia de vicio nefando, non só debía condenarse moralmente, senón tamén perseguirse e castigarse de xeito exemplar, para canto máis facer desaparecer da esfera do público calquera vestixio que avergonzase coa confirmación da súa existencia.
E velaí —como moi ben explica Callón na súa excelente monografía—a razón da aparición do pecado-delito de sodomía e como o que ata o século XI fora unha respectuosa aceptación da libre elección sexoafectiva acaba por se converter nunha verdadeira persecución contra dos homosexuais, ata o punto de que se sepulta no esquecemento a noticia da primeira unión legalmente documentada desta natureza (a establecida entre Pedro Díaz e Muño Vandaliz o 16 de abril de 1061), remata por empregarse a homofobia como argumento descualificador de parte da nobreza galega enfrontada a Afonso X e mesmo se reescribe o martiroloxio oficial ata transformar o efebo San Paio nun santo militar das guerras de relixión entre cristiáns e musulmáns.
E na mesma dirección habería que reinterpretar algunhas cantigas galego-portuguesas medievais que, dende a sátira propia das composicións de escarnio e maldicir, non deixan lugar a dúbidas sobre o común e normalizado das relacións homoeróticas e lésbicas anteriores á laminación moral relixiosa do catolicismo perpetrada entre os séculos XI e XIV.
Botábase en falta entre nós un John Boswell que iluminase tanta rexión escura como a historiografía do sexual máis obsoleta deixara tras de si. Por sorte a espera rematou e este suxestivo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media do profesor Carlos Callón é o mellor testemuño.
sacado del blog de Armando Requeixo

No hay comentarios:

Publicar un comentario