jueves, 21 de julio de 2011


‘Soma de craridades’ de Cunqueiro e Seoane

Neste ano do centenario cunqueiriano que transitamos, houbo quen tivo o acerto de recuperar un volume pouco menos que inencontrable do mindoniense: Soma de craridades.
Orixinariamente o libro —en realidade unha breve plaquette, pois non contiña máis que sete breves poemas— fora redactado por Cunqueiro en 1932 e ideárase como acompañamento para un álbum de debuxos que estaba a elaborar Luís Seoane. Finalmente, causas bélicas de sobra coñecidas impediron que a obra vise a luz, perdéndose nas dependencias da Imprenta Nós.
Non sería ata maio de 1977 que Seoane recuperaría aquel vello proxecto, publicando nun selo creado para a ocasión, Cuco Rei, os poemas de Cunqueiro xunto aos seus debuxos, aos que ameceu unha carta-epílogo que Santiago Montero Díaz deixara escrita para o conxunto.
É precisamente esta edición de hai case trinta e cinco anos a que agora reeditan facsimilarmente Luís Alonso Girgado e Luís Cochón, posibilitando o acceso directo aos versos manuscritos e autógrafos do autor de Mar ao norde e Poemas do si e non e ás augadas e estampas do incomparable Seoane. Un libro que, tanto dende o textual coma dende o gráfico, paga a pena, e moito, ler e ver.

No hay comentarios:

Publicar un comentario